Untitled Document

PROGRAMA | ORGANIZADORES | SEDE | INAUGURACIÓN | PONENCIAS | COMUNICACIÓNS | ACT. PARALELAS | FOTOS | BLOGS |

 
  A FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN

A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza está concebida como un edificio aberto, onde as persoas e a infraestrutura converxen nun espazo de traballo acolledor e dotado das últimas tecnoloxías audiovisuais e multimedia. Reflexo dos cambios producidos en todos os eidos da Comunicación, a Facultade conta con lugares dotados para a produción televisiva, radiofónica, cinematográfica, multimedia, en prensa escrita e en Internet que poden ser empregados de forma simultánea grazas á especialización e á interconexión de todos os departamentos, laboratorios e aulas do edificio. O centro de reunión da Facultade está ubicado no Audiotorio, con capacidade para 300 persoas e deseñado co espíritu integrador que caracteriza a todo o edificio. Conta con cabinas de tradución simultánea e cabinas de proxección audiovisual que lle permiten albergar todo tipo de eventos e espectáculos, desde congresos e conferencias ata obras cinematográficas. Inaugurada no ano 2000, a Facultade dá cabida nos nosos días a máis de 600 alumnos das Titulacións de Xornalismo e Comunicación Audiovisual e continúa renovándose cada ano para estar na avanzada dos proxectos de acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación.


SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela, fundada a principios do século IX, en pouco tempo se tranformou nun dos máis importantes centros de intercambio de persoas , bens e crenzas da Idade Media: a peregrinación polo Camiño de Santiago. Compostela foi declarada en 1993 Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO e na actualidade, aos cen mil habitantes da capital da Galiza se suman máis de trinta mil universitarios cada ano, facendo das súas rúas un espazo vivo e singular. Ao mesmo tempo Compostela é un grande centro de atracción turística, artística e congresual que conta cun aeroporto internacional e modernas infraestructuras que facilitan a visita de case tres millóns de visitantes ao ano e que reafirman o carácter multicultural dunha cidade en permanente metamorfose. Unha mostra disto é a súa Universidade, fundada hai máis de 500 anos e a primeira en Galiza que acolleu estudos de Comunicación. Santiago de Compostela caracterízase tamén polos grandes espazos abertos, mistura de árbores e pedra, entre os que destacan o Parque de Bonaval, deseñado polo arquitecto Álvaro Siza, ou o Parque de Belvís, sen esquecer o tradicional Paseo da Alameda e os dous Campus Universitarios, todos eles espazos creadores do “mar de pedra estremecida de vento” que, segundo expresou o poeta Celso Emilio Ferreiro, é a cidade de Santiago de Compostela.

“Compostela ten a regalía insine e perigosa de deixar ó home, ó home mozo, soio entremedio de podentes símbolos. Eles piden moito. Soio co quentor das almas se quentan as pedras. Nas vilas de tipo moderno e imitativo, o esprito afúndese na media emocional da xente, no seu senso do tempo. Dan feitas as horas. Espaventan as fondas inquedanzas. En Compostela compre moito vento de individualidade para non ficar atrás no bogar das torres e no coaderno de bitácora dos craustros, moita labra de seixo de vontade pra que o enxergar dos mil ollos de cinza das pedras non sexa esdenoso ou compasivo.”

“As leuciós da pedra, a soutriña dos silencios, aconsellan a práctica dos filósofos, dos tráxicos. Pro non ha ser fiel a Compostela quen a pense soio amiga dos sistemas e composiciós de síntesis derradeiras. Non folleemos as horas e as pedras como un fermoso e tristeiro epílogo. O problema e a xustificación non supón a laboura de un simbólico pechamento como a Casa do Cabidoo soio maxinado choer os mil reflejos da praza da Pratería. Na mesma historia do gosto das Artes, enxergamos a realidade dunha Compostela enxamais rematada. Moitos mantos de interpretación pendurados do Obradoiro, do Santo Domingo, cairon como fanados telóns de teatro.”

De “A Procesión das horas” (O Espello na Serán) R. Otero Pedrayo.


“Todas as sombras axunatadas enteiran a noite de Santiago, cando a cidade alagada presta ás tebras a súa figuranza. A sombra dubidosa do fume na pousada do ruieiro. A das carballas espidas de Santa Susana, acariñando con piedade, como a un neniño que morre, o derradeiro lostregar do día. A sombra esaita, xeométrica versión dos orlamentos da catedral. O infindo tedio e tristura da sombra das torres, crebada no chan, á que temos reparo en pisar co grimo dun salaio. A sombra ainsomne, cerviñada de ensoares e remordimentos das gárgolas. Nacen nos ocos dos soportaes sombras que axexaron todo o día, e agora ensonan probes sonos: seren pórticos de peiraos ledos nas cantigas mariñeiras, sentir as delores de amor e soedade dos illados paseantes, pónmdolles soaves mans de noite femenina nas tempas, e as sombras dos craustros sempre choídas. Na suma de todas as sombras, a pedra decátase ditosa...”

De Nouturno Compostelán (O Espello na Serán) R. Otero Pedrayo

“Mais dunha noite erguinme pra constatar non ser Compostela un sono tecido de leviás imaxes. Formábase en min a idea de ser a derradeira pantasma do Romanticísmo. Mais non quixen determe no análisis. Decorrían algareiras as horas. Era preciso adoitar o illado outaneiro sentir do eu e do mundo ás horas ledas, riseiras, amarguradas, onde o cheiro do pote e do mar vulgar se misturaban coas finas esencias lembradoras....”

“Desvelamento de Santiago”. Revista Grial

 




 

Untitled Document

PROGRAMA | ORGANIZADORES | SEDE | INAUGURACIÓN | PONENCIAS | COMUNICACIÓNS | ACT. PARALELAS | FOTOS | BLOGS


CONGRESO FUNDACIONAL I+C INVESTIGAR A COMUNICACIÓN
Facultade de CC. da Comunicación. USC. Avd. Castelao s/n 15782. Santiago de Compostela.
T +34 981 563 100 Ext. 16556 (María Salgueiro e Xabier Ramos)
E-mail: aeic2008santiago@aeic2008santiago.org